Estruturado en cinco capítulos, o estudo elaborado polo ONTSI recolle aspectos como: a situación actual do cloud computing a nivel mundial, europeo e estatal; o coñecemento e percepción da tecnoloxía cloud por parte das pemes española; a visión sobre o cloud computing de expertos desta tecnoloxía; o impacto desde os puntos de vista macroeconómico, microeconómico, social e nas Administracións Públicas e no medio ambiente; así como unha selección de casos de boas prácticas no uso de servizos cloud en distintos sectores de actividade e nos ámbitos privado e público.
O estudo achega os resultados dunha enquisa realizada a 1.700 microempresas e pemes españolas, asegurando que o 45,2% delas coñece o cloud computing, pero tan só o 21,7% das que o coñecen utiliza estas solucións. Entre os beneficios da súa utilización, destácase nun 70,6% dos casos o aforro de tempo, o aforro de custos (63,4%) e a mellora da produtividade xeral (48,5%). Máis do 75% das pemes usuarias da “nube” mostran un elevado grao de satisfacción coa calidade do servizo de soporte e mantemento.
Na consulta realizada a expertos da Administración pública considérase que moitos organismos están abordando unha fase previa de reflexión e prospectiva do seu uso, identificándose como principais vantaxes do cloud o aforro de custos, a eliminación de duplicidades, o desenvolvemento do teletraballo e a consolidación de servizos compartidos.
Finalmente, destácase que o impacto estimado do cloud en España para o ano 2012 supera os 3.000 millóns de euros no PIB, a xeración de 65.000 empregos e un retorno total para a Facenda Pública de 678 millóns de euros. Este feito demostra a crecente importancia do uso da tecnoloxía cloud computing a nivel económico e profesional.
Ligazón ao documento: Informe