Este traballo é froito da colaboración entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a través do convenio asinado polo CPEIG e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, no marco das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal. O estudo contou co apoio e a participación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) e intégrase na súa serie de estudos temáticos.
O obxectivo principal deste traballo é difundir entre a cidadanía e as empresas boa parte do coñecemento existente en materia de sinatura electrónica e certificación dixital, incluíndo as autoridades e entidades prestadoras de servizos de certificación. Para este fin, este estudo realiza unha análise da situación actual, os avances máis significativos e os retos que se nos presentan de cara ao futuro no ámbito da identidade dixital.
A metodoloxía empregada no estudo baseouse principalmente na elaboración de entrevistas mantidas cos responsables dalgunhas das principais organizacións públicas e privadas que traballan arredor da sinatura electrónica e a certificación dixital, xunto á análise de datos e indicadores, lexislación e documentación de referencia.
Principais indicadores
O estudo do CPEIG inclúe unha breve análise dos principais indicadores relacionados coa certificación dixital e a sinatura electrónica no noso contorno, para a cal se tomaron como referencia os datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e o OSIMGA.
Na actualidade dos 34,6 millóns de persoas residentes en España, de entre 16 e 74 anos, aproximadamente o 27,5% dispón xa de DNI electrónico e só o 9% dispón doutros tipos de certificados de sinatura electrónica recoñecidos. En Galicia, a porcentaxe de persoas que dispoñen dalgún certificado de sinatura electrónica é superior á media de España, e sitúase algo por riba do 39% da poboación (aproximadamente 800.000 persoas).
O DNI electrónico é, con diferenza, o dispositivo de sinatura electrónica máis estendido entre os cidadáns. Un 4,7% das persoas residentes en España de entre 16 e 74 anos de idade utilizaron o DNI electrónico durante o último ano para as súas relacións coas Administracións públicas e o 13% utilizou outros certificados de sinatura recoñecidos. En Galicia estes datos de utilización son lixeiramente inferiores, tanto no caso do DNI electrónico coma no caso doutros certificados de sinatura electrónica recoñecidos. Non obstante, a dispoñibilidade do DNI electrónico en Galicia, cunha porcentaxe do 35% da poboación, é actualmente moi superior á media en España (7,5 puntos porcentuais máis). Hai que destacar, tamén neste sentido, que o incremento en Galicia da dispoñibilidade do DNI electrónico se situou durante o último ano ao redor do 48%, pasando do 23,7% no ano 2009 ao 35% no ano 2010.
En España o 55,7% das empresas en España de 10 e máis empregados con conexión a In¬ternet utilizou sinatura electrónica nalgunha comunicación enviada durante o último ano dende a súa empresa. O grao de utilización da sinatura electrónica por parte das empresas varía substancialmente entre as diferentes comunidades autónomas e se sitúa entre o 64,2% de A Rioxa e o 47,5% de Galicia, que neste aspecto se sitúa moi por debaixo da media en España.
Practicamente a totalidade das empresas (93,5%), que utilizaron sinatura electrónica nalgunha comunicación enviada durante o último ano, empregouna para relacionarse coa Administración Pública mentres que só un 20% o fixo para relacionarse cos seus clientes e/ou provedores.
Nos últimos anos produciuse un avance moderado na utilización por parte das empresas da sinatura electrónica. Non obstante, en todas as Comunidades Autónomas, sen excepción, a utilización da sinatura electrónica por parte das empresas para as relacións coas Administracións Públicas é significativamente maior que para as relacións cos seus clientes e provedores.
Algo máis de 11,5 millóns de persoas, é dicir aproximadamente un 33% da poboación, dispoñen actualmente dalgún certificado de sinatura electrónica. Isto supón que actualmente en España algo máis de 23 millóns de persoas non teñen ningún tipo de certificado de sinatura electrónica recoñecido. Cabe destacar que hai aproximadamente 100.000 persoas residentes en España, pero de nacionalidade estranxeira, que dispoñen actualmente de certificados de sinatura electrónica recoñecidos.
Conclusións máis relevantes
Os cidadáns que utilizan a sinatura electrónica teñen claro o seu valor de seguridade mais, en xeral, os cidadáns aínda non perciben con claridade a súa utilidade nin a súa eficacia. Un dos principais motivos do pouco uso da sinatura electrónica e do certificado dixital débese ao descoñecemento que hai das súas posibilidades e garantías, tanto a nivel empresarial coma na cidadanía.
Segundo os expertos é importante conseguir que o uso dos certificados dixitais sexa tan doado e transparente que se faga invisible para o cidadán. A estratexia de despregamento dos certificados electrónicos debe estar en función dos proxectos que xurdan e da propia demanda, é dicir, non se deben crear necesidades artificiais de certificados electrónicos senón adaptar estes á demanda e ás necesidades reais existentes.
O estudo conclúe que as empresas privadas seguen un ritmo bastante máis lento na adopción da sinatura electrónica cás Administracións Públicas. As Administracións Públicas móvense polo interese de prestar máis e mellores servizos aos cidadáns e miden o retorno do investimento en parámetros como seguridade ou beneficios sociais
É moi destacable, no panorama actual, a funcionalidade achegada polo DNIe na certificación dixital, un proxecto de identidade dixital pioneiro en Europa e que serve como referencia a outros países que comezan agora con proxectos semellantes. A implantación definitiva do DNIe supoñerá, a medio ou longo prazo, a fin dos certificados de cidadán que a maioría dos provedores de servizos de certificación emiten actualmente.
Para os expertos consultados o futuro da certificación dixital pasa pola interoperabilidade real. Pasa por unificar dispositivos e definir usos e funcións dado que a lexislación existente é suficientemente ampla. As principais barreiras á administración electrónica veñen impostas pola usabilidade das propias tecnoloxías e polo cambio cultural e de hábitos que esta nova administración require.