Un 52% dos traballadores autónomos non dispón de equipamento informático

Logo osimga
Data
18/05/2011

En 2010 existían no conxunto do Estado 3.126.792 profesionais inscritos no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), case 92.000 menos que no mesmo período de 2009, continuando así a tendencia á baixa no volume deste colectivo, que xa se rexistrou tamén en 2008. Nesta situación, baixou o número de autónomos con equipamento informático en 2010 (48%) en catro puntos respecto ao ano anterior. O principal beneficio das TIC, declarado polos autónomos con equipamento informático, son as melloras na xestión (49%), claramente por diante do aumento da calidade do servizo aos clientes (12%) e o aumento da produtividade (12%).
Un de cada catro autónomos informatizados (26%) non ten acceso a Internet, en tanto que a maioría (59%) ten conexión fixa, o 7% conexión móbil e o 7% ambos os dous tipos. Así mesmo, o 36% con acceso a Internet teñen tamén páxina web; destes, para o 36% a razón principal é captar clientes, seguido por facer publicidade (27%) e ofrecer información dos seus produtos (17%).
Practicamente a metade dos autónomos (46%) que posúen algún equipamento informático descoñecen o certificado dixital, algo máis dun de cada tres (36%) coñéceno pero non o utilizaron, e só o 14% fixo uso del. Igualmente, a factura electrónica é descoñecida por algo máis da metade dos autónomos con equipamento informático, en tanto que a utilizan o 9% e só a coñece o 38%.
Algo menos dun de cada dez autónomos con acceso a Internet (9%) vende algún produto ou servizo por esta canle, mentres un de cada catro autónomos (29%) compra desta maneira aos seus provedores -a maioría deles desde hai polo menos un ano-.
En canto ás causas para non vender a través da Rede, o 29% considera que o seu produto ou servizo é inadecuado para ser vendido por esta canle, o 23% non o ten plantexado e o 9% descoñece as posibilidades para o negocio. Con todo, a razón máis mencionada para non mercar por Internet é o tamaño do negocio (27%) e, a continuación, sitúase o descoñecemento do medio (16%), os problemas relacionados coa seguridade (15%) e a falta de financiamento (9%).
O informe incorpora tres novidades nesta edición. A primeira delas é a creación dos índices Fundetec, que mostran o nivel de madurez (básica, media e avanzada) en canto á informatización dos autónomos, pero prestando máis atención ás aplicacións e servizos utilizados -como son o certificado dixital e a factura electrónica- que ao equipamento informático material (hardware).
O índice Fundetec de informatización básica -ofimática- sitúase no 34%, aínda que con notables diferenzas en función do sector de actividade de que se trate. Así mesmo, mentres o de madurez intermedia é a porcentaxe de autónomos que ademais de ofimática teñen aplicacións empresariais e acceso a Internet (20%), o de madurez avanzada (8%) inclúe ademais aos profesionais que utilizan o comercio electrónico (compra e/ou venda).
En conxunto, existe un nivel de informatización baixo nos sectores de hostalaría e de transportes e comunicacións, mentres que é superior nos de actividades financeiras, seguros e inmobiliarias, o de actividades profesionais, científicas, técnicas, saúde e servizos e o de industria.
Respecto das redes sociais, case nove de cada dez autónomos con acceso a Internet (87%) coñecen a súa existencia e o 37% deles as utiliza, sendo a máis usada Facebook (80%) e, a considerable distancia, Twitter (22%) e Linkedin (8%).
En canto á terceira novidade, o 28% dos traballadores autónomos  teñen solucións en código aberto, principalmente de comunicación (78%), de ofimática (67%) e empresariais (55%); presentan ademais un elevado grao de satisfacción, pois o 26% móstranse moi satisfeitos con este tipo de aplicación e un 69% están bastante satisfeitos.
Esta terceira edición do estudo está baseada en preto de 3.500 enquisas realizadas a autónomos do conxunto do Estado, distribuídos por comunidades autónomas e nove sectores de actividade (automoción, comercio, construción, transporte, industria, actividades financeiras, científicas, hostalaría, etc.).

Subscríbete ao boletín
Mantente ao día das novidades do portal a través do noso boletín de novidades