Un 77% dos mozos e mozas do conxunto do Estado presentan un rendemento medio ou alto en lectura dixital, segundo a proba PISA-ERA 2009, a primeira avaliación da competencia lectora dixital dos mozos de 15 anos de 19 países.
Un 23% dos mozos e mozas atópase no nivel 1 de rendemento en lectura dixital, cifra algo superior ao resultado de lectura sobre papel (20%). Un de cada catro alumnos sitúase no nivel 2, que significa que o estudante pode localizar e interpretar información ben definida en contextos habituais para el. Ademais, tamén pode navegar por varios sitios web cunha guía explícita.
O 30% dos enquisados sitúase no nivel 3, o que significa que son capaces de integrar información de varios sitios web e de xerar categorías simples con información non guiada. Por último, o 17% atópase no nivel 4, e un 4% no nivel 5. Ambas as cifras son semellantes ás que presenta a lectura en papel. Nestes dous niveis o estudante é capaz de valorar información de diferentes fontes, navegar en sitios web con formato variado, xerar criterios de avaliación en calquera contexto, e elaborar os seus propios criterios para valorar o texto.
O informe permite establecer unha relación directa entre un maior nivel socioeconómico e un mellor resultado en lectura dixital. As puntuacións son tamén máis altas conforme menor é o cociente de alumnos por computador en clase. Con todo, o estudo tamén revela un dato rechamante. Obsérvase que un uso moderado do computador mellora os resultados, pois os alumnos que o utilizan moderadamente superan en 30 puntos ao resto.
Un 75% dos fogares dos países participantes no informe tiñan computador en casa no ano 2000, cifra que aumentou ao 96% en 2009. En España posuían computador un 67,3% dos fogares no ano 2000, cifra que aumentou até o 91,3% nove anos máis tarde. Así mesmo, o 91% dos alumnos tiñan acceso a Internet en casa, mentres que en España esa porcentaxe era do 85,7%, por riba de países como Xapón. Si é menor a dispoñibilidade no centro escolar, cun 65,5 % de media en comparación co 74,2 % do resto dos países participantes no informe.
As mozas obteñen mellores resultados que os homes con carácter xeral. Esta circunstancia prodúcese tamén en España aínda que as diferenzas son algo inferiores que as que se rexistran na proba de comprensión lectora xeral, onde a fenda a prol das mozas é maior.
A porcentaxe de alumnos españois que alcanzan a brillantez nesta materia é moi inferior á media, pois só un 0,2 % entran no máximo nivel, fronte ao 1 % no conxunto da OCDE. Apenas un 3,4% alcanzan o segundo nivel, catro puntos por baixo da media do resto de países avaliados.
Por contra, a porcentaxe dos peor cualificados non é moi diferente do obtido nos 16 países da organización: un 1,1 % dos mozos e mozas do conxunto do Estado non chegan ao nivel máis baixo, o mesmo porcentaxe da media da OCDE, e un 4,8 % sitúanse nese primeiro nivel, fronte ao 4,3 % da OCDE.
O uso de redes sociais en liña non parece influír de forma significativa no rendemento de lectura dixital ou electrónica.
A clasificación está encabezada por Corea do Sur con 568 puntos de media, seguido de Nova Zelandia e Australia con 537 puntos non moi lonxe de Xapón con 519 puntos. Tras eles, Hong Kong (que participou no estudo sen ser membro da OCDE), Islandia, Suecia, Irlanda, Bélxica e Noruega tamén superan a media. Por baixo desta está Francia (494), Macau (aínda que tampouco é da organización, 492), Dinamarca (489), España (475), Hungría (468), Polonia (464), Austria (459), Chile (435) e Colombia (outro estado que non pertence á OCDE, 368).